Desde Skeirrum lanzamos XoGal, un proxecto innovador que combina cultura, patrimonio e xogo co obxectivo de dinamizar turísticamente o rural galego. A través de dez experiencias de escape room ao aire libre en Galicia, convidamos a veciñanza e visitantes a explorar de forma divertida e interactiva as vilas máis fermosas do norte do país.

As actividades desenvolveranse entre o 28 de agosto e o 25 de outubro de 2025, e serán completamente de balde.

Que é XoGal?

XoGal é unha proposta de gamificación cultural impulsada en colaboración cos GDRs Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22. O seu obxectivo é transformar o patrimonio histórico e cultural do rural galego nunha ferramenta de descubrimento, participación e lecer, mediante xogos de escape en espazos abertos.

Cada actividade está deseñada como un percorrido interactivo polo centro histórico de cada concello, no que as persoas participantes deben resolver enigmas e seguir pistas inspiradas na historia local.

Experiencias únicas en 10 concellos galegos:

 

28 de agosto – Vilalba: O Segredo de Andrade

Descubre os segredos dunha familia que marcou Galicia coa súa historia de revoltas, fortalezas e túneles ocultos. Atrévete a resolver o enigma do Torreón dos Andrade nunha das vilas con máis historia de Terra Chá.

5 de setembro – Pontedeume: Pontedeume Viva

Revive as Festas das Peras xogando entre mómaros, cabezudos e tradicións. Un escape room festivo que mestura memoria e celebración para redescubrir a alma desta vila costeira da comarca do Eume.

19 de setembro – Neda: Tesouros de Neda

Pan, fariña e historia mestúranse nunha experiencia inspirada na tradición panadeira que conquistou a corte de Felipe II. Unha viaxe no tempo que pon en valor o pasado industrial e comercial de Neda no Camiño Inglés.

20 de setembro – Mondoñedo: As Chaves da Historia

Unha das cidades máis históricas de Galicia convértese nun taboleiro cheo de imprentas antigas, partituras esquecidas e lendas mariscais. Un reto para os amantes da historia e da literatura galega.

27 de setembro – Ribadeo: Ribadeo Ilustrado

A vila mariñeira vólvese ilustrada nun percorrido que reconstrúe a súa historia oculta entre cargadoiros, esculturas e pazos. Unha aventura que conecta o mar coas ideas.

4 de outubro – Viveiro: As Portas de Viveiro

Explora o legado medieval desta vila amurallada. Atrévete a descifrar as mensaxes que agochan as portas antigas, entre lendas de pedra e segredos históricos que levan séculos esperando a ser contados.

10 de outubro – Navia: A Lenda da Deusa Navia

Unha aventura máxica que mestura natureza e mitoloxía. Axuda á deusa Navia a recuperar a súa xoia sagrada e salva o río antes de que sexa demasiado tarde. Ideal para familias e amantes da arte pública.

11 de outubro – Ortigueira: Ritmos de Ortigueira

Cada nota conta unha historia. Este escape room leva aos participantes a descubrir Ortigueira a través da súa identidade musical, dende a Escola de Gaitas ata o Festival do Mundo Celta.

19 de outubro – Pedrafita: A Luz Vermella No Monte

Ancares, 1943. O wolframio, a guerra e os segredos cruzan camiños ocultos nunha misión clandestina ambientada na montaña. Unha experiencia para quen busca emoción e historia recente.

25 de outubro – Abadín-Gontán: Feira dos Santos de Gontán

Explora a feira máis emblemática de Galicia resolvendo enigmas sobre gando, artesanía e produtos da terra. Unha homenaxe á tradición viva que segue unindo xeracións.

Información práctica

  • Actividades gratuítas e abertas a todo o público.

  • Precísase teléfono móbil con conexión a internet, batería cargada (ou batería portátil) e calzado cómodo.

  • Apto para todas as idades. Os menores de 12 anos deben ir acompañados por unha persoa adulta.

Inscricións abertas

As prazas son limitadas, polo que recomendamos reservar canto antes a través da seguinte ligazón:

 Inscricións XoGal

Mantente informado/a

Cada semana publicaremos nas redes sociais e neste blog os detalles específicos de cada evento: data, hora, punto de encontro e consellos prácticos.

Recomendámosche seguirnos para non perder ningunha das dez citas que farán do rural galego un escenario de xogo, descubrimento e emoción.

XoGal é máis ca un xogo: é unha nova forma de vivir o patrimonio do rural galego.

Un proxecto para fomentar o turismo sostible, a cultura participativa e o orgullo local. Non perdas a oportunidade de formar parte desta aventura única.